VIGO

UN MAR DE VIDA

UN MAR DE NATUREZA

Vigo posúe fantásticos parques próximos ao centro da cidade, como o monte de O Castro, o parque de Castrelos, a Alameda e o monte da Guía. Destacan ademais varios parques forestais onde se pode practicar sendeirismo ou facer rutas en bicicleta e gozar de inmellorables vistas da cidade e da ría.

Pero, sen dúbida, son as praias uno dos principais atractivos da cidade. Hainas para todos os gustos: salvaxes, familiares, nudistas, sen esquecer as paradisíacas das illas Cíes. Trátase de arenais de fina e branca area e de augas transparentes nos que os visitantes poden practicar unha gran variedade de deportes náuticos. Proba da calidade destas augas é o feito de que 9 das praias viguesas posúen actualmente o distintivo de Bandeira Azul.

UN MAR DE NÁUTICA

Vigo conta cunha gran tradición en turismo náutico grazas ás excelentes condicións que a súa ría ofrece para navegar. Surf, vela, travesía en kayak, pesca deportiva, submarinismo ou piragüismo son algunhas das alternativas que o visitante ten á súa disposición para gozar dunha forma apaixonante do mar de Vigo.

A provincia conta con case 400 quilometros de costa e a nosa cidade ofrece varios portos deportivos ao longo do seu litoral, desde o Real Club Náutico, o máis céntrico, aos situados nos barrios de Teis e Bouzas.

UN MAR DE SABORES

Comer en Vigo é unha experiencia única. Os produtos de mar (peixe e marisco) son, indubidablemente, as estrelas da gastronomía viguesa, aínda que os produtos da terra están tamén moi presentes na oferta culinaria da cidade.

A variedade na restauración é tamén notable e podemos atopar desde restaurantes de comida tradicional ata os de nova cociña, pasando por locais de tapas, asadores e restaurantes de cociña étnica. Todo cunha inmellorable relación calidade-prezo.

Ademais, as festas gastronómicas servirán de axuda ao visitante para coñecer os pratos máis típicos da zona. A do mexillón, a do marisco, a da cociña mariñeira ou a da sardiña son algunhas das máis populares.

UN MAR DE CULTURA

Vigo ofrece ao visitante unha importante variedade de actividades de lecer: son numerosos os espectáculos teatrais ou musicais, as exposicións… E é que o gusto por todo tipo de manifestacións culturais, en especial as máis alternativas e innovadoras, vén de lonxe, pois Vigo foi nos anos 80 una das cidades abandeiradas da Movida.

Por outra banda, o noso patrimonio monumental está cheo de contrastes: os seus numerosos exemplos de arquitectura industrial, os edificios de fachadas señoriais, a arquitectura relixiosa ou os monumentos singulares que adornan as súas rúas.

UN MAR DE NOITES

A noite viguesa presenta unha gran variedade de ambientes. Vigo é a capital do lecer nocturno de Galicia con locais para todos os gustos, todos os petos e todas as idades.

Un encontro de culturas presentes en teatros, salas de concertos e un dos anfiteatros ao aire libre máis fermoso de Galicia, o de Castrelos, onde cada verán danse cita as mellores bandas e espectáculos do momento.

Queres coñecer máis?

Infórmache aquí o contacta connosco